Ruta dos muiños



 Ler en Galego      Leer en Castellano


Apetécevos pasear ó carón do río aprendendo un pouco máis sobre a nosa vila e as súas costumes e vivenzas? Non podedes deixar de facer a coñecida como Ruta dos Muiños, posta en valor fai uns anos polo noso Concello.

De dificultade variable, poderás facela por tramos, en función do tempo que dispoñas, podendo disfrutar tamén dela os mais pequenos da casa. 


Información Xeral (ruta completa dos dous tramos)


🔺Punto de partida: Adro Igrexia Santa María de Neda
🔺Punto final: Fervenza do Belelle
🔺Distancia: aproximadamente 10 km (ida e volta)


Comezamos?
Coas mochilas ao lombo cruzamos a carreteira xeral para seguir o curso de río deixando atrás a igrexa de Santa María.

Inicio da ruta

1.     Muiño do Parrando

Nada máis sair, xusto ao outro lado do parque infantil e o cal poderemos apreciar mellor dende a pequeña ponte que salva o Belelle, atoparémonos co primeiro muiño desta ruta, o do Parrando (nomeado por un dos seus propietarios). Fai uns anos foi rehabilitado como vivenda, atopándose prácticamente na desembocadura do río, o que dificultaba o seu funciomanento cando subía moito a marea, ao mesturarse as augas do mar coas do Belelle. 

2.     Muiño do Cubo

Xa unha vez cruzada a vía e antes de encamiñarnos no sendeiro que da comezo oficial a ruta (poderemos apreciar un pequeno letreiro que informa do mesmo) atoparémonos de fronte con este muiño tan típico da nosa vila. O seu nome débese ao tipo de muiño que representa, de “cubo”, os cales se construían na beira dos ríos ou regatos con pouco ou irregular caudal. Consta de un gran cubo ou caldeiro que, cando se chea de auga, esta percorre un conducto na base do mesmo que fai funcionar o Rodicio. Trátase de un dos muiños de maiores dimensións de toda a ruta, tendo uns cen metros en total de lonxitude e sobrevoando un desnivel de catro metros.

3.     Muiño do Tinguilado - Muiño do Foxo

Este peculiar muiño atópase medio agochado e fora da ruta propiamente dita. Xusto ao carón da casa reitoral da igrexa, ao outro lado de carretera da misma, leva o nome dun dos seus inquilinos pero tamén fai referencia a onde se atopa, xusto ao carón dun “tinguilado”para gardar os animais.

Este muiño vivenda agocha unha historia propia de película xa que durante a Guerra Civil agochou a un fuxido da represión franquista. Manuel Foxo, declarado republicano, foi arrestado pola Garda Civil para ser fusilado no cemiterio municipal de Narón unha vez instaurouse a ditadura. Non foi o único, xa que esa noite foron varios os veciños de Neda prendidos e asesinados pola sua ideoloxia contraria ao réxime franquista. Unha vez no cemiterio, colocados todos en fila e estando a noite xa moi preto, unha tras outra as vidas de estes veciños foronse apagando, pero non foi o caso de Manuel, o cal tan só recibiu un disparo nun brazo, facéndose o morto entre o resto dos falecidos ata que se fixo noite para fuxir do lugar. 
Seguindo a línea da ría conseguiu chegar ao Pazo da Merced, onde por aqueles anos atopábase a consulta do médico Don Paco. Unha vez recuperado das feridas, este agochouno na súa casa e fixo por trasladalo xunto a súa muller no muiño de Santa María. 

Aquí permanecerá durante os seguintes anos sen saír prácticamente da casa, agochándose moitas noites no rodicio do muiño cando intuía a presenza da Garda Civil. 

Finalmente, grazas a intercesión do párroco, uns anos máis tarde pode formalizar a súa situación e trasládanse a San Sadurniño, volvendo de  novo ao muiño que tantas vivenzas presenciu para pasar os seus últimos anos de vida. 

Familia traballando nun muiño de Neda

4.     Muiño do Carreiro - Muiño das Carregadas - Muiño de Pelaio

Prácticamente ao carón do muiño do Foxo (o cal tamén pertenceu a súa familia) leva tamén o nome do Carreiro ao atoparse nun estreito camiño ao carón do río e o de varios dos seus propietarios.

5.     Muiño da Roda - Muiño de Marraxón - Muiño do Canelán

Xa de volta ao trazado orixinal de esta ruta, o muiño da Roda recibe o seu nome en honor a roda hidráulica que facía traballar todo o muiño, prácticamente ata a década dos anos setenta. Os seus outros nomes son en honor as familias que o traballaron durante os anos que funcionou como tal. 

6.     Muiño de Moncho - Muiño do señor Ramón

Reformado como vivenda, este muiño pertenceu a varias xeracións dunha mesma familia, as cales traballaron maioritariamente o trigo para véndelo unha vez moído as panaderías de toda a zona. 

7. Muiño de Carballo - Muiño de Luciano - Muiño de Balbina - Muiño de Jenaro

Un pouco máis adiante, temos que saír do camiño de terra para momentáneamente coller asfalto pola man dereita, continuamos recto no seguinte cruce e logo collemos a dereita. O primeiro muiño que vemos leva os nomes de varios dos seus propietarios, os cales foron ampliando as dependencias do mismo ata atoparse  rodeado de dous edificacións e unha terra de labradío. 




8.     Muiño da Mourela – Muiño de Alejandro – Muiño do Carrizo

Ao chegar a Ponte Nova, seguimos pola beira sen crúzalo, collendo un camiño por unha pequeña baixada á esquerda, buscando de novo o son do río. Chegamos a un conxunto de casas, deixando o río a nosa dereita, tendo aquí especialmente coidado xa que teremos que pasar por un carreiro moi estreito e con desnivel. Ao outro lado do Belelle  veremos o muiño do Carrizo, coñecido por ser durante moitos anos unha fábrica de papel: Fábrica de Papel da Mourela. 

9.    Muiño do Carregado – Muiño do Cholo

Seguindo o curso do río atopámonos cun camiño a  nosa esquerda que conducirános ata un máis grande que collemos a dereita. Un pouco máis adiante, xusto antes dun pequeno recodo do río Belelle atópase este pequeno muiño nomeado en honor a dous dos seus propietarios.

10.  Muiño de Bigotes

Deixando sempre o Belelle a nosa dereita, seguimos ata atoparnos coa ponte do muiño do Bigotes, o cal non cruzamos. Mentres que o muiño da Mourela fabricaba papel, o do Bigotes un pouco máis arriba transformouse nos sucesivos anos nunha piscifactoría e por último nun taller de carpintería. 

11. Muiño do Furado

Aquí temos que fixarnos moito para poder aprecialo, xa que atópase semi oculto entre a maleza. Nas proximidades da Área Recreativa de Maciñeira, foi construido aproveitando o desnivel do terreo, sendo polo tanto do tipo “cubo”. É o momento perfecto para parar un ratiño ao carón das maravillosas árbores desta área recreativa e desfrutar da tranquilidade do río. 


12. Muiño do Chanquelo

Na marxe dereita do río, este muiño atópase xa na zona do Roxal. O seu nome débese a que este é de escasas dimensións, contando con duas moas. Tradicionalmente adicabase a moer trigo, ainda que tamen esporádicamente 
traballaba co centeo e o maínzo, ata os anos setenta.

13. Muiño de Antonio de Pilar

Restaurado como vivenda particular e situado tamén na marxe dereita do río, aproveitaba as augas do muiño das Bombas, xusto un pouco máis adiante seguindo o curso do río. 

14. Muiño da Gandarela - Muiño das Bombas

Debe o seu nome ao lugar onde se atopa. Como o da Mourela, este tamén foi momentáneamente unha pequeña fábrica de papel no século XIX.


15. Muiño de Luís Canido

Tamén situado no Roxal, cruzamos a ponte para cambiar á outra beira do río e ao chegar a outra ponte atopámonos de fronte con dous muiños. O mais pequeno foi rehabilitado fai anos como espazo de lecer e de ocio, servindo incluso como campamento de verán. Aquí finalizaremos o primeiro tramo da nosa ruta. Se aínda temos forzas para seguir descubrindo os muiños do Belelle e recompensarnos finalmente coa grandiosa imaxe da Fervenza, saímos a carreteira e buscamos un cartel que indica a dirección ata á mesma. Continuamos ata toparnos co Pazo de Isabel II en busca do noso seguinte obxectivo: o muiño do Neno.


16. Muiño do Neno - Muiño da Taxonera

O negocio do papel tamén pasou por este muiño, sendo o seu propietario coñecido na zona como O Neno. Restaurado como vivenda, ainda pódense apreciar as catro pedras do muiño primitivo. 



17. Muiño da Barcia

Pódese dicir que de todos os muiños de esta ruta este é o mellor conservado. Foi reconstruido na súa totalidade no ano 2000, rehabilitado para acoller unha asociación micolóxica. En realidade, tratábase de dous muiños (xunto co dos Aparceiros), ambos de tipo de “tineta”. Pertenceu a distintas xeracións dunha mesma familia, moendo principalmente trigo e millo. Actualmente acolle a AsociaciónViriato





18. Muiño dos Aparceiros

Ao mesmo carón do muiño da Barcia, integráronse anos máis tarde para comprender un só conxunto, o cal pode apreciarse na actualidade anexo ao anterior muiño, o da Barcia

19. Muiño do Charquelo



Atopámonos xa moi cerca da Fervenza, sendo o último muiño da nosa ruta o do Charquelo, na marxe dereita. Este contaba cunha soa moa, característica que lle atribuiu o seu nome. O seu estado actual é ruinoso.

Que mellor recompensa que atoparnos coa espectacular Fervenza do Belelle? Temos ben merecidas estas vistas, aínda mellor se as acompañamos cunha boa merenda! Deixamos para outro día subir ao mirador xa que, tras descansar un rato ao carón da cascada, toca facer o camiño de volta!






Bibliografia

Manuela Santalla López (2011). Muíños, fornos e pan de Neda. Ferrol: Edicións Embora


Comentarios

Publicacións populares